Monday 13 de May de 2024

A Xunta concede ao concello da Laracha un préstamo sen xuros por 712.000€ para rehabilitar a Casa Reitoral de Montemaior e destinala a albergue


Na convocatoria deste ano do Fondo de cooperación para rehabilitación e conservación do patrimonio construído asináronse xa 26 convenios con 16 concellos por 5,42 M€

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda financiará con 712.808,01 euros a rehabilitación da casa reitoral de Montemaior, na Laracha. A obra será realizada polo propio concello co fin de destinar o inmoble a albergue con capacidade para 25 persoas grazas a un préstamo concedido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, con cargo ao Fondo de cooperación para rehabilitación e conservación do patrimonio construído dirixido a entidades locais.

Esta é a primeira vez que A Laracha se beneficia destes préstamos, que deberán ser reintegrados polo municipio nun prazo máximo de 8 anos e teñen como obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio.

No período 2026-2021, concedéronse préstamos por un importe de máis de 11,3 millóns de euros para financiar 50 actuacións nun total de 23 concellos. Ademais, na convocatoria deste ano, outorgáronse outros 29 por importe de 6,62 millóns de euros a 21 concellos.

Cómpre salientar que este fondo se financia con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.

Ademais, a través deste instrumento de financiamento, a Xunta contribúe a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios dos inmobles desatendan as súas obrigas, dado que a normativa vixente permite aos municipios actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas.